Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres vehículos quedaron calcinados polo incendio dun garaxe en Ourense

Tres vehículos quedaron calcinados polo incendio dun garaxe en Ourense

Os bombeiros de Ourense investigan as causas dun incendio que calcinou tres coches no garaxe dunha vivenda unifamiliar

A estrutura quedou danada e os catro habitantes da casa, polo momento, non poden regresar

G24.gal 06/05/2025 13:51

Tres coches calcinados en dúas horas. É o balance dun incendio nunha vivenda unifamiliar das aforas de Ourense. Foi a menor da familia, unha moza de dezaoito anos, a primeira en percibir o cheiro.

"Sobre as catro da madrugada avisoume a miña filla porque cheiraba mal e había estoupidos. Baixei ao garaxe e vin que había moito fume e lume detrás dun dos vehículos", explica o fillo dos propietarios.

O fillo dos propietarios, que vive na mesma casa, intentou sufocar as primeiras lapas e mesmo tratou de sacar fóra un dos vehículos, un coche eléctrico que, segundo nos conta, era o máis afastado do lume; pero non había luz nin auga: "Foi o último que ardeu dos tres. Intentei sacalo, pero como non había luz non o podía desconectar. Ademais, non se daba respirado".

Cando chegaron os bombeiros, o lume xa estaba estendido por todo o garaxe, un baixo de escasa altura no que se alcanzou unha temperatura moi elevada. Polo momento descoñecen as causas do incendio, pero confirman que a batería do Tesla non sufriu danos.

César Pichel, xefe do Servizo de Extinción de Ourense: "Este vehículo eléctrico está nunha das esquinas. A batería non ardeu, senón non estariamos aquí agora. Aparentemente é o menos afectado, pero non se pode descartar ningunha opción aínda. Un incendio nunha batería pode levar dous días. Son longos de apagar".

A familia pasou a noite na casa dun veciño e de momento non poden regresar porque a estrutura quedou danada.

"Isto está por debaixo dunha terraza, cunha estrutura metálica que coa temperatura cedeu nalgún piar. Estamos coordinándonos para manter cando menos as medidas mínimas de seguridade", explica o xefe dos Bombeiros.

Os bombeiros retiráronse ás seis da mañá, pero tiveron que regresar contra as nove porque se reavivaron as lapas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade