Publicador de contidos

Publicador de contidos

As comunidades enerxéticas buscan descentralizar a produción de electricidade

As comunidades enerxéticas buscan descentralizar a produción de electricidade

Amigas da Terra organizou unhas sesións formativas en Mos para coñecer esta opción

As comunidades de montes desempeñan un papel fundamental na súa posta en marcha

G24.gal 28/01/2023 19:36 Última actualización 28/01/2023 20:23

Xerar a nosa propia enerxía e facelo de maneira democrática e sostible. Esa é a finalidade das comunidades enerxéticas. Raquel Fernández, de Amigas da Terra, explícanos en que consiste.

"Permite a cidadanía poder participar no mercado eléctrico. Cousa que ata agora estaba vedado. Podemos producir a nosa propia enerxía, compartila ou vendela".

Unha nova ferramenta que este sábado congregou centos de persoas en Mos, a través de charlas e formación dirixidas a asociacións pero tamén ás comunidades de montes.

Precisamente elas levan xa moitos anos funcionando como auténticas comunidades enerxéticas. Bruno Dutto é o presidente da comunidade de montes veciñais de Tameiga, Mos.

"A nosa comunidade leva máis de vinte anos facendo isto porque repartimos leña, que vén sendo enerxía en forma de calor. Agora Europa con esta idea pretende repartir enerxía eléctrica e as directrices que envía son tal cal a forma de ser das comunidades de montes".

As comunidades de montes están espalladas por todo o territorio galego. Hai preto de 3.000. Con todo, non están consideradas como figura xurídica para poder xestionar as axudas. 

"Neste contexto, que é moi interesante para fortalecer base social e para fortalecer o rural que está abandonado, as comunidades de montes desgraciadamente non están contempladas como unha figura xurídica que poida canalizar eses investimentos".

Son as palabras de Xavier Simón, profesor de economía aplicada da Universidade de Vigo. En Galicia hai xa dous proxectos que recibiron financiamento do Estado para comezar a funcionar como comunidade enerxética.

Familias, empresas, asociacións ou cooperativas poden optar a impulsar esta forma de xerar electricidade dunha maneira máis xusta e sostible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade