Unha avaría nunha liña eléctrica subterránea causa cortes de luz en Ourense
A primeira hora da tarde uns 240 usuarios aínda non recuperaran a subministración
Un apagamento xeneralizado deixou a cidade de Ourense sen luz. Nalgúns casos foi cousa de pouco tempo, pero noutros, como ocorreu no barrio do Polvorín a incidencia aínda continuaba á primeira hora da tarde onde había uns 240 usuarios que aínda non recuperaran a subministración.
Segundo Naturgy, a empresa distribuidora e comercializadora, a avaría orixinouse nunha liña subterránea de media tensión no barrio do Barbaña e ao longo de toda a mañá estiveron traballando para solucionar a incidencia e instalaron grupos electróxenos nalgunhas rúas para tratar de ofrecer subministración naqueles lugares onde a reparación aínda non fora posible.
O apagamento afectou a particulares, pero tamén a establecementos comerciais, hostaleiros, bancarios, ao servizo semafórico e incluso ao Complexo Hospitalario de Ourense, onde durante toda a mañá se mantivo a actividade grazas aos medios propios de emerxencia.