Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre un octoxenario en Moeche tras incendiarse o cuarto no que se atopaba

Morre un octoxenario en Moeche tras incendiarse o cuarto no que se atopaba

Sospéitase que as lapas comezaron nunha manta eléctrica e logo morreu por asfixia

G24.gal 07/09/2025 14:17 Última actualización 07/09/2025 21:33

O suceso ocorreu na parroquia de Labacengos, en Moeche, concretamente nunha casa do lugar de Vilapedre. Unha sobriña do falecido, un octoxenario que vivía só, avisou os servizos de urxencias, ao achegarse á vivenda do ancián e atopala chea de fume.

"A sobriña quixo entrar pero non puido co fume que había e de camiño ao lugar, chamounos a alcaldesa para preguntarnos se podían entrar e dixémoslles que non porque era un perigo. Podíase avivar o lume e tamén podían quedar dentro co fume que había", relata o cabo de Bombeiros das Pontes José Polo.

Pouco despois, os bombeiros chegaban ao lugar e daban co home, xa falecido, nun dormitorio da planta baixa.

"Estaba na planta baixa, na marxe esquerda da casa, nun cuarto que foi o que ardeu. Non ardeu máis que ese cuarto. O resto da casa viuse afectado polo fume pero non chegou a arder", explica o cabo de bombeiros.

No cuarto queimouse só a cama e unha mesa de noite. O corpo do ancián, que ultimamente se axudaba dun andador para moverse, estaba tendido ao pé da porta. Todo indica que morreu por asfixia.

"Parece ser que quixo saír pero, coa idade e a mobilidade que tiña, non foi capaz de saír para afora", precisa José Polo.

Aínda non está confirmado, pero crese que o lume puido orixinarse nunha manta eléctrica.

"Polo que dicía a familiar, adoitaba durmir cunha manta eléctrica e posiblemente fora a causa do incendio", afirma o cabo.

Os bombeiros non precisaron extinguir as lapas.

"O lume extinguiuse só. Ao non ter osíxeno, porque as ventás eran todas novas e entón non entrou aire, extinguiuse sen ter que apagalo", explica José Polo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade