A Xunta aproba a contratación das obras para rematar a autovía Lugo-Sarria
O Consello da Xunta aprobou un investimento nesta infraestrutura de 37,3 millóns de euros que se licitará a partir de xaneiro
O Consello da Xunta aprobou este luns autorizar a contratación das obras para rematar a autovía Lugo-Sarria co desdobramento do treito entre Nadela e A Pobra de San Xiao.
Trátase do último treito desta infraestrutura que restaba por desdobrar e que atravesa os concellos de Lugo, O Corgo, O Páramo e Láncara.
O investimento será, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de 37,3 millóns de euros, e prevese que se poida abrir a licitación a partir de xaneiro, xa cos novos orzamentos de 2026 en vigor.
Serán 13,5 quilómetros do actual corredor que se converterá en autovía tras unhas obras que teñen previsto un período de execución de 30 meses.