Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta alega contra a planificación eléctrica do Goberno, que ve discriminatoria, e reclama un 6,7% do investimento

A Xunta alega contra a planificación eléctrica do Goberno, que ve discriminatoria, e reclama un 6,7% do investimento

Alfonso Rueda di que "non é de recibo" a proposta do Goberno que destina menos do 3 % dos investimentos a Galicia

(EFE/Kiko Delgado)
G24.gal 15/12/2025 14:04 Última actualización 15/12/2025 15:56

O Consello da Xunta acordou este luns presentar alegacións contra a proposta de Planificación da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica Horizonte 2030, que desde o executivo de Alfonso Rueda cren que "discrimina" a Galicia.

Segundo explicou Rueda, ese planeamento destina menos dun 3 % dos seus investimentos a Galicia.

"Necesitamos infraestruturas modernas axeitadas para as necesidades presentes e futuras", dixo o presidente da Xunta, quen asegurou que nun momento como o actual "de transición verde, con cada vez máis demanda, non é de recibo unha discriminación nas asignacións".

A Xunta reclama para Galicia o 6,7 % do investimento total, de 13.122 millóns de euros, en lugar do 2,8 % previsto.

Na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, Alfonso Rueda advertiu que "hai máis dunha ducia de proxectos estratéxicos que non teñen garantida a cobertura das súas necesidades de enerxía" con esta planificación estatal, na que os novos megawatts para Galicia "non chegan a 2.000 fronte aos 8.000" que solicita o Goberno galego.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lamentou que esta planificación eléctrica "chega tarde e é lenta", ademais de "insuficiente" para Galicia, polo que considera que se trata dunha "nova discriminación" para a comunidade que pode levar a "condenar" e "facer morrer" proxectos estratéxicos.

Entre as propostas relevantes que a Xunta reitera nas súas alegacións, están a dunha subestación de transporte na zona central e oeste de Lugo -que é fundamental para o proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei- ou unha nova para a zona de Curtis-Teixeiro (A Coruña), onde hai proxectos de hidróxeno verde e centros de datos.

Tamén alega a Xunta que non se atenden as necesidades enerxéticas de proxectos industriais en marcha, xa declarados estratéxicos como os das zonas de Sabón, Ferrol, ou ás zonas de transición xusta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade