Publicador de contidos

Publicador de contidos

Repsol asina un acordo con Venezuela para estudar a explotación de petróleo en Maracaibo

Repsol asina un acordo con Venezuela para estudar a explotación de petróleo en Maracaibo

A compañía analizará o desenvolvemento do bloque Horcón xunto a PDVSA e o Ministerio de Hidrocarburos

O pacto inclúe tamén estudos sobre novas oportunidades de gas no litoral venezolano

G24.gal 16/06/2026 23:05

Repsol asinou un acordo de intencións co Ministerio de Hidrocarburos de Venezuela e coa petroleira estatal PDVSA para analizar a viabilidade da exploración e desenvolvemento de Horcón, unha nova área petrolífera situada no sueste do lago de Maracaibo. A compañía española informou deste pacto nun comunicado oficial.

O acordo asinárono este martes o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz; a presidenta interina de Venezuela, Delcy Rodríguez; a ministra de Hidrocarburos, Paula Henao; o presidente de PDVSA, Héctor Obregón; e o director xeral de Exploración e Produción de Repsol, Francisco Gea Pascual.

Durante a reunión, celebrada no Palacio de Miraflores en Caracas, as partes revisaron a evolución dos activos de Repsol en Venezuela, os mecanismos de pagamento vixentes, os investimentos comprometidos pola compañía e o calendario previsto de cargamentos de cru para os próximos meses. 

Novas oportunidades de gas no litoral venezolano

O memorando de entendemento recolle tamén a intención de avanzar na análise de novas oportunidades de produción de gas en zonas mariñas de Venezuela. O obxectivo é profundar nos estudos e na avaliación dos xacementos gasísticos situados fronte á costa do país.

Repsol destacou que este acordo reforza o seu compromiso con Venezuela, onde mantén actividade ininterrompida desde 1993. A empresa xa asinara en abril un pacto co Goberno venezolano e con PDVSA para recuperar o control operativo de Petroquiriquire, incrementar a produción de petróleo e garantir os mecanismos de pagamento. 

Obxectivo de triplicar a produción de cru

Nos últimos meses, Josu Jon Imaz manifestou a intención da compañía de aumentar significativamente a súa produción no país. Repsol prevé elevar nun 50 % a produción de petróleo nun prazo de doce meses e triplicala nos próximos tres anos se se manteñen as condicións actuais.

Pola súa banda, o presidente de PDVSA, Héctor Obregón, asegurou que a incorporación da área de Horcón e das novas oportunidades exploratorias permitirá aumentar a produción de petróleo lixeiro en Venezuela. Segundo explicou, o novo acordo pretende ampliar a cooperación entre ambas compañías cunha perspectiva a longo prazo para o desenvolvemento do sector enerxético venezolano.

Este acordo chega tres meses despois de que Repsol e a italiana Eni subscribisen outro pacto coas autoridades venezolanas para garantir a continuidade da produción de gas natural no proxecto Cardón IV durante 2026. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade