Publicador de contidos

Publicador de contidos

O prezo do ovo segue escalando en plena crise da gripe avaria

O prezo do ovo segue escalando en plena crise da gripe avaria

O prezo do ovo segue escalando tras subir o 5,1 % en outubro e un 22,5 % no último ano

O IPC subiu en outubro unha décima, ao 3,1 %, polo custo da electricidade

A inflación en Galicia baixa ao 2,7 % en outubro e a dos alimentos, ao 2,2 %

G24.gal 14/11/2025 08:56 Última actualización 14/11/2025 10:30

O prezo do ovo seguiu escalando e subiu o 22,5 % en outubro pasado respecto ao mesmo mes de 2024 e 5,1 % en só un mes, coincidindo coa crise da gripe aviaria, polo que volveu ser o alimento básico que máis se encareceu, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC), difundido este venres, reflicte que os prezos dos alimentos e bebidas non alcohólicas aumentaron o 2,4 % anual en outubro, a mesma taxa que en setembro, e creceron o 1,4 % respecto ao mes anterior.

Tamén subiron de prezo por encima dos dous díxitos a carne de vacún (+17,8 % anual) e o café, o cacao e as infusións (+16,2 %), mentres que no lado contrario destaca o abaratamento dos aceites e graxas (-33,5 %) e do azucre (-13,5 %).

A alza do prezo do ovo vén producíndose de forma progresiva desde 2021, nun contexto nacional de aumento de consumo e internacional de impacto da gripe aviaria nos Estados Unidos e varios países europeos.

Precisamente o Goberno ordenou este xoves confinar todas as aves de curral que se crían ao aire libre en España para previr a gripe aviaria ante a previsión de empeoramento dos contaxios polas migracións de aves silvestres, unha decisión que amplía o confinamento que xa afectaba desde o luns pasado a 1.200 municipios en zonas de especial risco e vixilancia.

Por rúbricas, as maiores subidas de prezo respecto a setembro corresponderon ás froitas frescas (+12 %), os ovos (+5,1 %), a carne de vacún (+2,6 %) e os aceites e graxas (+2,1 %), mentres que só se abataron os legumes e hortalizas frescas (-0,3 %), e as patacas e os seus preparados (-0,3 %). 

O índice de prezos de consumo elevou a súa taxa interanual en outubro unha décima, ata o 3,1 %, o seu nivel máis alto desde xuño de 2024, debido á subida dos prezos da electricidade.

Con esta repunta dunha décima no décimo mes do ano, o IPC interanual encadea dous meses consecutivos de ascensos despois de que en setembro subise tres décimas, ata o 3 %. O organismo explicou que o incremento do IPC en outubro débese a que os prezos da electricidade subiron máis que en igual mes de 2024.

Pola súa banda, o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa destacou que a taxa interanual do 3,1 % rexistrada en outubro está en liña coa de setembro, que foi do 3 %, "e explícase principalmente polas subidas da electricidade, dos voos internacionais e do transporte en tren". Estas subidas, engadiu Economía, compensáronse, en parte, pola baixada dos paquetes turísticos e dos carburantes.

A subxacente sobe ao 2,5 %

Pola súa banda, a inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) situouse en outubro no 2,5 %, unha décima por encima do dato de setembro. Esta estimación coincide coa avanzada polo INE a finais do mes pasado.

En termos mensuais (outubro sobre setembro), o IPC subiu un 0,7 % tras o encarecemento do vestido e o calzado (+8,2 %) polo comezo da tempada de outono-inverno; dos alimentos nun 1,4 % polo maior custo de froitas, carne, leite, queixo e ovos, así como dos aceites e graxas; e da vivenda (+0,9 %) como consecuencia da subida dos prezos da electricidade e, en menor medida, do gas.

Por contra, o grupo de lecer e cultura recortou os seus prezos un 0,8 % no mes por mor do descenso dos prezos dos paquetes turísticos. En outubro, o IPC rexistrou taxas anuais positivas en todas as comunidades autónomas, con Baleares e Madrid á cabeza (3,6 % en ambos os casos). No outro extremo, Murcia presentou a taxa máis baixa (2,2 %).

A inflación en Galicia baixa ao 2,7 % en outubro e a dos alimentos ao 2,2 %

Os prezos subiron en Galicia en outubro a un ritmo menor que un mes antes, xa que o Índice de Prezos ao Consumo  situouse no 2,7 % en termos interanuais, dúas décimas menos que en setembro, mentres que a inflación dos alimentos tamén recuou dúas décimas, ao 2,2 %. Galicia estivo entre as comunidades autónomas con menor inflación o mes pasado e situouse catro décimas por baixo da media estatal (3,1 %), mentres que o aumento do prezo dos alimentos foi dúas décimas inferior ao do conxunto do país (2,4 %), segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística.

En variación mensual, os prezos subiron un 0,6 % en Galicia -en setembro baixaran un 0,4 %-, mentres que no que vai de ano a inflación foi do 2 %. Todos os grupos rexistraron taxas de inflación positivas en outubro en termos interanuais na comunidade galega, a excepción do lecer e a cultura, onde foi negativa (-0,8 %).

O que máis subiu foi a vivenda, cunha taxa do 7,1 % -cinco décimas máis que o mes anterior-, seguida dos hoteis, cafés e restaurantes (4,5 %, dúas décimas menos), as bebidas alcohólicas e o tabaco (3,9 %, unha décima máis) e o ensino (2,5 %, dúas décimas máis). Tamén se encareceron o transporte (2,1 %, unha décima menos), a medicina (2 %, unha décima menos), as comunicacións (1,8 %, un punto máis); o vestido e calzado (1,4 %, unha décima máis) e o enxoval (0,3 %, unha décima máis).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade