A rede eléctrica española, ao límite: sen capacidade para nova industria nin vivenda, por Santiago Calvo
OPINIÓN
A rede eléctrica española, ao límite: sen capacidade para nova industria nin vivenda, por Santiago Calvo
O sistema eléctrico español enfróntase a unha situación delicada. Tanto a rede de transporte como a de distribución amosan sinais de saturación, ata o punto de que as novas solicitudes de conexión poderían ser inviables nos próximos anos se non se adoptan medidas urxentes. Isto podería frear o desenvolvemento industrial, limitar a expansión dos centros de datos e mesmo atrasar novas promocións de vivenda.
O problema leva tempo xestándose. As compañías do sector e o operador do sistema xa advertían de que a infraestrutura avanzaba lentamente cara a un escenario de tensión crecente. A recente análise da capacidade da rede confirma que moitos nós eléctricos están preto do seu límite, o que deixa nunha posición de incerteza numerosos proxectos empresariais e urbanísticos que dependen dun punto de acceso para poder operar.
Este contexto provocou un intercambio de reproches entre os distintos actores do sistema. Parte do sector sostén que o ritmo de investimento non foi suficiente para anticiparse ao aumento da demanda eléctrica, atrasando actuacións que deberían ter ampliado a capacidade. Pola súa banda, o operador defende que nos últimos anos se incrementou de forma notable o esforzo investidor e lembra que estas decisións dependen dunha planificación estatal que marca prioridades e tempos de execución.
As distribuidoras tamén observan a situación con preocupación, xa que moitas teñen compromisos adquiridos con clientes aos que se lles concedeu acceso á rede. Se a capacidade real resulta inferior á prevista, poderían producirse atrasos na posta en marcha de proxectos e incluso conflitos contractuais. Ademais, algunhas estimacións apuntan a que parte da capacidade considerada dispoñible podería verse limitada por restricións técnicas.
Existen exemplos de municipios con vivendas xa construídas que non poden obter a licenza de primeira ocupación ao non ter garantidaa a subministración eléctrica. Este tipo de situacións poderían repetirse se non se reforzan as infraestruturas, nun momento especialmente sensible para o mercado inmobiliario.
Todo isto abre un debate de fondo sobre a planificación enerxética e a capacidade real do país para acompañar a electrificación da economía. Nun escenario marcado pola transición ecolóxica, a reindustrialización e o crecemento da demanda, unha rede insuficiente pode converterse nun freo ao crecemento. A cuestión xa non é só producir máis electricidade, senón asegurar que chega a tempo e en condicións ás empresas e aos fogares. Porque, sen rede, non hai crecemento posible.
As claves económicas da semana
A semana do 9 ao 13 de febreiro preséntase como unha calma tensa antes dunha treboada de datos. Viviremos uns días marcados por unha curiosa mestura: a alta tensión estatística nos mercados internacionais e o inicio da gran festa económica do inverno galego.
Estas son as catro claves que moverán o noso diñeiro:
Primeira clave: o Venres 13 da inflación. Marcade esta data no calendario: venres 13. Será un día crítico por dous motivos. Primeiro, nos Estados Unidos publicarán o seu dato de IPC con atraso por problemas orzamentarios, o que concentrará toda a volatilidade das bolsas no final da semana. Segundo, e máis importante para nós, o INE publica o IPC definitivo de España de xaneiro. Ollo, porque estrea a nova metodoloxía Base 2026. Isto significa que cambia o peso dos produtos na cesta da compra para axustarse á realidade pospandemia. Se o dato repunta, podería afectar ás negociacións de salarios desta primavera.
Segunda clave: aceleramento político no Hórreo. O Parlamento de Galicia vive este martes 10 un Pleno intenso antes da parada festiva. A axenda económica e social céntrase na Sanidade: o conselleiro comparece para explicar o reforzo da Atención Primaria, un tema que impacta directamente nos orzamentos autonómicos e na calidade de vida. Ademais, votarase a elección da Valedora do Pobo e a toma en consideración da lei popular sobre Castelao.
Terceira clave: a economía do Entroido. A partir do venres pola tarde, a economía galega cambia o traxe pola máscara. Arrinca oficialmente o Entroido en cidades clave como Vigo (co a Entronización do Meco) e intensifícase no triángulo máxico de Ourense. Non é só festa: para a hostalaría e o comercio local, esta semana supón o maior pico de facturación do primeiro trimestre, un balón de osíxeno fundamental para salvar a costa de xaneiro e febreiro.