Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vázquez: "Non pode haber inmobles abandonados na nosa costa por un simple capricho"

Vázquez: "Non pode haber inmobles abandonados na nosa costa por un simple capricho"

A metade dos 1.600 elementos abandonados catalogados na nosa costa poderían cambiar de uso

A conselleira de Medio Ambiente confía en que a Lei do clima de Galicia sexa aprobada polo Parlamento en 2026

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, este luns nunha entrevista no 'Bos días'
G24.gal 15/09/2025 10:07

A Xunta tentará dar unha "nova vida" os 1.600 elementos identificados no litoral galego e que están abandonados. Farao tras o traspaso, o pasado 1 de xullo, das competencias de xestión da nosa costa.

Nunha entrevista no Bos días, a conselleira de Medio Ambiente sinalou que a intención da lei é que "a nosa costa sexa viva e activa, e non ter inmobles abandonados porque non se deixaba facer un cambio de uso".

A semana pasada, a conselleira visitou algunhas destas edificacións canda o presidente da Xunta.

"Temos 1.600 elementos dos cales máis de 800 son inmobles aos que se lles podería cambiar o uso", afirma. "É un catálogo moi diverso, desde vivendas, empresas e elementos etnográficos". E puxo un exemplo: "Se xa non hai baleeiras, non se lle pode esixir ao propietario que as abra. Unha edificación coma esta pódese transformar nun museo, nunha Casa de Cultura ou nun complexo turístico. Non podemos ver inmobles abandonados na nosa costa por un simple capricho ou por estar en Madrid e non ser conscientes da importancia que a costa ten para os galegos".

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, este luns nunha entrevista no 'Bos días'

Outro dos eixes de acción do seu departamento é a Lei do clima, que inicia agora o seu trámite parlamentario. A conselleira, Ánxeles Vázquez, confía en que sexa aprobada pola Cámara en 2026.

Segundo explicou na entrevista, Galicia será a primeira comunidade de España en contar cunha norma destas características. Na actualidade, a emisión de gases de efecto invernadoiro é cinco veces superior á media española e o dobre da media europea. A intención é acadar a neutralidade climática en 2040.

Segundo Vázquez, a perspectiva climática estará presente en todas as decisións que adopte o Goberno galego e afectará a empresas, concellos e á cidadanía.

A Xunta axudará os municipios de máis de 20.000 habitantes a que teñan o seu propio plan de acción climática. Para iso, abrirán oficinas de cambio climático por toda Galicia e poñerán en marcha, por primeira vez, a chamada contratación pública verde. 

Entre os obxectivos que se marca é estender a toda Galicia os chamados "refuxios climáticos" que comezaron a introducir este ano en Ourense. Trátase, en definitiva, de ver "como podemos actuar para facerlle a vida máis doada á cidadanía".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade