A Xunta cualifica de "errónea" a sentenza do TSXG que bloquea un parque eólico
A conselleira de Medio Ambiente recorrerá ao Supremo se o ditame non se corrixe
A Xunta critica o ditame do Tribunal Superior de Xustiza en contra da implantación dun parque eólico en Mazaricos que tiña o aval da Xustiza europea. A sentenza asegura que a declaración de impacto ambiental foi insuficiente, porque non inclúe o tendido polo que se evacúa a electricidade.
Porén, a conselleira de Medio Ambiente defende que os trámites son correctos. Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, apunta que esa liña de evacuación "xa lle dá servizo a outro parque e xa foi analizada". A política considera que é "unha sentenza errónea que deberían revisar" e non descarta recorrela ante o Tribunal Supremo.
Considera que a sentenza do TSXG dálle a razón á Xunta porque "ninguén foi capaz de demostrar que este parque era nocivo para o medio ambiente, "pero sempre hai unha escusa e esta escusa consiste en seguir paralizando o desenvolvemento das enerxías limpas e das enerxías verdes", segundo considera, por motivos de "forma".
Desde a Asociación Eólica de Galicia amósanse "estupefactos" coa resolución xudicial como explica Xosé Manuel Pazo.
A patronal eólica nacional pronunciouse no mesmo sentido sobre esta sentenza. Cre que Galicia vai perder máis de 2.700 empregos e máis de 6.300 millóns de euros anuais en investimentos. A patronal eólica advirte que sen seguridade xurídica, a nosa comunidade vai perder tecido industrial e emprego.