Xa podemos mercar as uvas da sorte con prezos que van dos tres aos cinco euros por quilo
A variedade máis popular é a uva branca de orixe española que podemos mercar a partir de tres euros o quilo
Nos mercados atopamos tamén outras uvas que veñen de fóra como as de maior tamaño que non teñen pebidas ou as rosadas que soben ata os cinco euros o kilo
Unha das posibles orixes da tradición di que a fomentaron os propios productores logo dunha colleita de uvas moi abundante a comezos do século XX.
Aínda a día de hoxe estas uvas brancas do val de Vinalopó, en Alacante, son as que máis se venden de cara a cea de noitevella.
Pero dende hai anos chegan tamén outras variedades dende Sudamérica ou Italia. Son máis grandes e algunhas non teñen pebidas.
"A típica uva de Nadal é a aledo, ten pebida. Despois temos a uva branca que ven de Italia que esta é sen pebida e temos a rosada que tén menos éxito porque é bastante grande e tamén ten pebida.", explica a froiteira Mari Luz Blanco.
"A branca é a que máis me gusta. E se é máis pequeniña mellor, para non atragoarse."
"Eu mercoas sen pebidas polos nenos. Porque despois hai que andar a quitalas...así que xa é máis práctico."
En canto aos prezos temos as tradicionais a partir de tres euros o quilo e soben ata os cinco euros as variedades máis grandes ou sen pebida.
Se nos imos xa buscar as que veñen peladas e en envases individuais toca pagar máis dun euro por cada un.
Con todo a maioría prefire pasar o traballo de contalas, unha uva por cada unha das badaladas.
"Piden por quilo, tamén depende do cliente. Ás veces piden para certas persoas, cánto lle podería chegar. Depende do que pida o cliente.", di Mari Luz
"Eu levo por acio que despois as que sobran cómense."
E para os que non lles gustan as uvas pero queren seguir a tradición hai alternativas sen saír da froitería, podemos acompañar as badaladas con arandos, mandarina, framboesa ou olivas.