WOS Festival, en Santiago entre o 11 e o 14 de setembro
O WOS Festival X SON Estrella Galicia abrangue diversos espazos de Santiago para convertelos en escenario de música electrónica e arte de vangarda
O WOS Festival é un evento anual de interior que se celebra en setembro en varios espazos patrimoniais de Santiago de Compostela. Vai xa pola oitava edición.
O festival presenta unha ampla programación centrada na música electrónica e de vangarda, as artes visuais, o cine, as instalacións, os obradoiros e as conferencias. Ofrece unha ampla visión da cultura alternativa acollendo propostas innovadoras centradas no risco e a exploración. Fundouse en 2016 co obxectivo de converterse nun evento de referencia internacional.
"Está a punto de converterse xa nun clásico despois desta oitava edición, e penso que é unha achega moi importante para Santiago de Compostela e tamén unha oferta complementaria deste o punto de vista turístico", destacou José Manuel Merellles, director de Turismo de Galicia, durante o acto de presentación do cartel deste ano.