Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volven as feiras do viño con formato prepandemia

Volven as feiras do viño con formato prepandemia

Xa se celebraron as máis tradicionais na Ribeira Sacra e no Ribeiro

G24.gal 11/06/2022 15:30

Os adegueiros volveron reencontrarse cos consumidores na Feira do Viño de Chantada. Esta edición, a número 39, foi a primeira sen restricións desde que comezou a pandemia. Con todo, a covid aínda condicionou as datas. Houbo que adiala de marzo a xuño.

E a de Chantada non é a primeira festa de viños da Ribeira Sacra postpandemia. Outras con décadas de tradición como as de Quiroga, Sober e Pantón tamén recuperaron as súas. Había ansia de catar o que deron as últimas colleitas, unhas colleitas que nesta denominación de orixe supoñen un grande esforzo. Son o resultado da chamada viticultura heroica pola orografía do terreo en que se cultivan as viñas.

As festas do viño atraen turismo e vida a estas localidades. Son moitos os naturais da zona que viven fora e regresan para a feira. Un xeito de homenaxear tamén a xente que fai posible a vida e a industria do viño.

Tamén recuperou a súa feira a denominación de orixe máis antiga de Galicia. A do viño do Ribeiro puido por fin celebrar a súa edición 59.

As Feiras do Viño son só e nada menos que un vínculo coa tradición dos que aman e viven deste mundo. Un lugar de encontro que o longo dos próximos meses se repetirá en moitas localidades doutras comarcas vitivinícolas de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade