Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volve a Feira do Viño do Ribeiro despois de dous anos

Volve a Feira do Viño do Ribeiro despois de dous anos

Regresaron as casetas á alameda de Ribadavia, este ano participan 20 adegas e 14 colleiteiros do Ribeiro

Inauguraron esta 59 edición o Conselleiro do Medio Rural e a Directora de Turismo

O próximo reto da Denominación de Orixe é a aposta pola excelencia e polo turismo enolóxico

G24.gal 29/04/2022 21:19

Regresa con todo o seu esplendor, despois da pandemia, a Feira do Viño do Ribeiro. O conselleiro do Medio Rural e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurárona esta tarde na alameda de Ribadavia.

José González manifestou que as claves para o futuro dos viños galegos son apostar pola calidade, polas variedades autóctonas e pola sostibilidade. Unha aposta, dixo o conselleiro, que ten que ir acompañada de valor engadido para converter o viño en dinamizador turístico e económico.

Tras dous anos, volveron as casetas á alameda de Ribadavia, este ano participan 20 adegas e 14 colleiteiros da Denominación de Orixe do Ribeiro. Ademais ata o domingo haberá unha chea de actividades, catas comentadas por recoñecidos sommeliers, regresa a cata popular, hai zona de gastronomía, xogos para os máis pequechos, exposicións e actuacións musicais por toda Ribadavia.

A do Ribeiro é a denominación de orixe máis antiga de Galicia. Cunhas 1.300 hectáreas de viñedos amparados e unha produción de nove millóns e medio de quilos de uva, a súa máxima aposta, din dende o Consello Regulador é a calidade. Tradicionalmente, os viños do Ribeiro están elaborados por mesturas de castes autóctonas coma a Treixadura ou o Godello.

En 1964 celebrouse por primeira vez a Feira do viño do Ribeiro cunha caravana que percorreu toda Galicia. Hoxe, despois dun ano virtual e outro semipresencial pola pandemia, a feira volve con forza, onde sempre, na Alameda de Ribadavia onde poden volver degustar do bo viño do Ribeiro nas 34 casetas.

A feira do viño do Ribeiro continúa ata o domingo, con catas, música e unha chea de actividades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos