Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volve a Feira do Capón de Vilalba, con exemplares vendidos a 150 euros

Volve a Feira do Capón de Vilalba, con exemplares vendidos a 150 euros

A maior parte das pezas tiveron un prezo de entre 90 e 130 euros

Félix Aragunde 21/12/2021 13:32

A Feira do Capón volveu ser cita obrigada en Vilalba, tras non poder celebrarse o ano pasado debido á pandemia. Baixo estritas medidas de seguridade sanitaria, os produtores puideron ofrecer de novo os exemplares que estiveron a criar dende a pasada primavera.

Son manxares que nestas festas acabarán nas mesas de todo o ámbito estatal e mesmo en países como Francia ou Suíza. 

Oliva Souto, criadora de capóns de Vilalba: "Vai moi ben, de marabilla. Unha feira estupenda, con moi bo día, e hai bastante xente, con moito comprador. A maioría xa vai vendido".

María José López, secretaria da Asociación de Criadores de Capón de Vilalba: "Moi contentos de que haxa a feira este ano. Está moi bonita, con todo moi preparado. Alégrome moito". 

Trátase de capóns de entre catro e sete quilos, valorados entre os 90 e os 130 euros en función do seu peso. O exemplar máis caro, de sete quilos e medio, vendeuse por 150 euros. 

Verónica López, criadora de capóns de Vilalba: "De peso, téñoos variados, dende case cinco quilos ata os que pasan dos seis e medio. Tocante ao prezo, os máis pequeniños véndoos a 90, e os máis grandes, a 100 ou a 110". 

Nesta tradicional feira de Nadal, os produtores de capón de Vilalba facturan ata unha terceira parte dos seus beneficios. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade