Viveiro homenaxea os 650 mariños e militares mortos na peor traxedia da Armada española
Cúmprense 215 anos do naufraxio da fragata María Magdalena e do bergantín Palomo fronte á praia de Covas
Cunha misa e unha ofrenda floral lembraron os heroes daquela traxedia e a cantos deixaron a vida no mar
En Viveiro, o Monumento aos Náufragos, nos Castelos, é un recordatorio do maior accidente naval da Armada española.
215 anos despois do naufraxio da fragata Magdalena e o bergantín Palomo, a cidade de Viveiro, a Armada e a Real Liga Naval Española renderon homenaxe aos 650 mariños e militares falecidos.
O 2 de novembro de 1810 a praia de Covas amencía cuberta de cadáveres. Unha imaxe inesquecible para as familias que a presenciaron. O relato daquela traxedia permanece vivo na memoria dos viveirenses, como subliña a alcaldesa Mariña Gueimunde:
"De familia en familia contan que aquela madrugada había un espectáculo lamentable. A praia de Covas estaba sementada de cadáveres".
A cidade de Viveiro, a Armada e a Real Liga Naval Española, representada polo delegado lucense, Antonio Nores, subliñan a obriga de manter viva a memoria este episodio da nosa historia.
“A xente moza sabe que hai un monumento nos Castelos pero non o que significa. E este acto é un xeito de dicirlles que aquí sucedeu un dos maiores desastres da Armada española”
Aquela madrugada unha escuadra de buques da Armada buscou refuxio do temporal na ría de Viveiro. A Magdalena e o Palomo perderan as áncoras principais cando outra galerna os levou a pique.
“Foron garrando e un afundiuse en Sacido, o Palomo, e a Magdalena nos Castelos".
Os restos dormen baixo a area da ría de Viveiro e moitos vestixios daquel naufraxio gárdanse no Museo Naval de Ferrol.
Cunha misa e unha ofrenda floral homenaxearon en Viveiro os mariños de calquera procedencia falecidos no mar.