Viveiro acollerá 120.000 persoas nun Resurrection Fest cun impacto económico millonario
O maior festival de metal, punk, rock e hardcore do sur de Europa cumpre 20 edicións
Terrazas cheas na xornada previa ao comezo do Resurrection Fest, que ademais é festivo local en Viveiro. E outro tanto ocorre cos hoteis da vila, que xa hai tempo que colgaron o cartel de completo. Non en van, o festival prepárase para acoller unhas 120.000 persoas.
"Esta cheo dende hai xa un par de meses. De mañá a domingo xa hai meses que se encheu". sinala Cristina Sánchez, recepcionista dun hotel viveirense.
O Resurrection Fest está este ano de aniversario, posto que fai 20 edicións. O que comezara como un pequeno evento con apenas 1.500 asistentes transformouse na cita musical de metal, punk, rock e hardcore máis importante do sur de Europa, cunha repercusión económica de primeiro nivel.
"Con arredor de 20 millóns de euros de impacto económico, máis de 1.500 postos de traballo directos e máis de 3.000 indirectos e coa capacidade hoteleira non só en Viveiro, senón tamén na Mariña e en Lugo ao cento por cento", explica Esteban Girón, responsable de comunicación do festival.
Durante catro días, outros tantos escenarios acollerán os concertos dun cento de bandas, con Korn, Judas Priest ou Slipknot como cabezas de cartel.