Atleti e Bruxas decidirán o pase no Metropolitano (3-3)
O equipo colchoneiro sufriu moito en defensa ante o empurre do cadro belga que mereceu un mellor resultado
O desenlace da eliminatoria o próximo martes en Madrid
@EFE
Bruxas e Atlético de Madrid empataron a tres goles na ida do play off de acceso ós oitavos de final da Champions e decidirán o pase de rolda o próximo martes no feudo do equipo madrileño.
A primeira parte comezou e rematou de forma perfecta para os atléticos. No primeiro achegamento con perigo o colexiado sinalaría un penalti, coa axuda do VAR, que Julián Álvarez non desaproveitaría para adiantar os seus. E na última xogada do primeiro período, Ademola Lookman aproveitou unha peiteada de Griezmann para colocar o 0–2 no marcador. Entre medias dominio estéril do conxunto belga que se topou cun bo Jan Oblak para abortar as súas chegadas.
Pero no inicio da segunda metade reduciría diferenzas o Bruxas tras un gol de Onyedika a saída dun córner. O tanto deulle impulso o equipo de Ivan Leko que igualaría o partido cun remate de Tresoldi tras un centro desde a esquerda de Diakhon. En quince minutos de segunda metade o equipo de Simeone dilapidaba a súa vantaxe. Moveu o banco o técnico arxentino coa entrada de Sorloth e Baena no lugar de Griezmann e Lookman. E o dianteiro noruegués rozou o terceiro cun remate de cabeza que se topou coa cruceta da meta de Mignolet. E pouco despois volvería a coller vantaxe no marcador o Atleti tras un auto gol de Ordóñez despois dun bo centro de Marcos Llorente. Non baixaron os brazos os de Leko que acadarían o empate, xa no minuto 90, cun gol do grego Tzolis que aproveitou un man a man con Oblak para colocar o definitivo 3-3.