Vitoria do Guardés e derrota do Porriño na xornada do balonmán feminino
O Mecalia Guardés venceu na pista do Aula Valladolid (24-26) e segue a tiro dos primeiros postos
O Porriño segue acusando a falta de gol, e caeu na casa co Gran Canaria, líder da Liga (18-20)
Foto: @BmAulaCultural
A xornada do balonmán feminino deixou unha vitoria e unha derrota. O triunfo chegou a cargo do Mecalia Atlético Guardés, que gañou na pista do Aula Valladolid por dous goles, o que lles permite ás galegas seguir a tres puntos do liderado e cun partido menos.
As galegas saíron mellor á pista, e gozaron das primeiras vantaxes (1-4) comandadas por Elena Martínez, pero as locais reaccionaron para empatar antes do minuto 10. E non quedou aí a reacción, xa que o Valladolid conseguiu tomar vantaxe de ata dous tantos (12-10), aínda que ao descanso chegouse con empate a 13.
Na segunda metade volveron levar a iniciativa as locais, que acadaban unha perigosa renda de ata tres goles (22-19). Pero no cuarto de hora final, o Mecalia Guardés deulle a volta ao resultado, comandado por María Sancha, que rematou con 7 goles, e Rosane Serrano, que achegou 6. Ao final, vitoria galega por 24-26.
Peor lle foron as cousas ao Orbe Zendal Porriño, que perdeu na casa ante o líder, o Gran Canaria. 18-20, nun partido no que o equipo galego sempre foi a remolque no marcador. Tivo pouco capacidade anotadora: ó descanso só fixera seis goles e o rival ía cinco arriba.
Aínda que as locais melloraron no segundo tempo, non foi dabondo para intimidar a un Gran Canaria dominador. Comandado na anotación por Carolina Bono e Viktoria Zsemberry, con cadanseus tres goles, o Porriño leva cinco xornadas sen gañar, con dúas derrotas seguidas.