Publicador de contidos

Publicador de contidos

Visitamos o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo no día do Patrimonio Mundial

Visitamos o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo no día do Patrimonio Mundial

Mediante unha visita guiada, este concello intenta concienciar sobre un turismo sustentable e respectuoso co patrimonio

G24.gal 16/11/2025 17:38 Última actualización 16/11/2025 18:03

"Imaxino os monxes procesionando polo patio, sentando na 'collatio', o espazo de lectura, e achegándose á igrexa para continuar", conta Eugenia Muñoz, guía da visita e técnico de Cultura e Turismo de Xunqueira de Espadanedo.

A piques de cumprir 800 anos, o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo atravesou distintas épocas históricas e a súa arquitectura vainos guiando por elas. Os capiteis, os altares, ou unha pía bautismal que segue cumprindo coa súa función.

"Podía levar bautizando entre 900 e 1.000 anos, e segue porque isto é a parroquia dunha aldea e, aquí, todo está en uso", explica Eugenia.

Á luz dunha lanterna, os visitantes descobren, asombrados unha xoia do artesoado.

"Deste tipo e tan ben conservada, de finais do século XVI, non hai outra en Galicia", cóntalles Eugenia.

"Eu son de Ribadavia. Isto está a 50 ou 60 quilómetros, e non o coñecía. Coñecíao por fóra, pero que cho expliquen e todo iso...". "A igrexa, aínda que estiven moitas veces, non coñecía a historia dos monxes, o estilo románico e o gótico...", sinalan dous visitantes.

O concello de Xunqueira de Espadanedo leva sete anos participando nas xornadas europeas do Patrimonio, que apostan por un turismo sustentable que contribúa á súa conservación.

"Hai veces que os espazos úsanse para facer un 'selfie', para dicir que estou aquí, e o patrimonio é máis ca iso, é un legado", conclúe Eugenia Muñoz.

Un legado que fai de Ourense, despois de Palencia, a provincia máis rica de España en patrimonio románico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade