Vinte e cinco confrarías vanse adherir ao plan da Xunta para recuperar bancos marisqueiros
A conselleira do Mar asegura que os máis afectados son os da vertente atlántica
Villaverde afirma que as mariscadoras que traballen 48 horas ao mes serán compensadas con 700 euros
A Xunta investirá 23 millóns en recuperar os bancos marisqueiros afectados polos temporais
A Xunta estima que arredor de vintecinco confrarías se adherirán aos convenios aprobados pola Xunta para recuperar os bancos marisqueiros tras os trens de borrascas deste inverno. Moitos quedaron estragados despois de 45 días consecutivos de chuvia, onde a salinidade chegou a marcar os cero gramos de sal por litro de auga.
Isto provocou unha elevada mortaldade nos bancos, especialmente nos da vertente Atlántica, segundo explicou no Bos días a conselleira do Mar. Marta Villaverde calcula que unhas 25 confrarías asinarán os convenios de colaboración aprobados pola Xunta.
22,7 millóns de euros destina a Xunta á recuperación dos bancos marisqueiros afectados polo temporal. Deles, 19,2 millóns están reservados para os convenios que a Xunta ofrece ás confrarías e que contempla unha remuneración para as mariscadoras que participen nos traballos con carácter retroactivo. Segundo Marta Villaverde, os que traballen 48 horas ao mes serán compensados con 700 euros.
Ademais cubrirán outros gastos nos que incorran as confrarías. Xunto a estes convenios, o Goberno galego reserva unha partida de 1,5 millons para a repoboación de especies e da biodiversidade mariña. O obxectivo é recuperar os bancos marisqueiros e protexer os individuos superviventes.