Vinte librarías e editoriais participan na Feira do Libro de Santiago ata o 11 de maio
A programación da feira inclúe máis de 70 actividades culturais
A de Santiago é a segunda das trece feiras do libro que se van celebrar en Galicia nos próximos meses
Moito público na segunda xornada da Feira do Libro de Santiago. Vinte librarías e editoriais saen á rúa para poñer os libros no centro da cidade.
"É unha cousa básica, eu non concibo o mundo do libro sen estar na rúa, nas prazas, nas alamedas. É unha forma de achegarse", explica o libreiro Xosé Antón Pedreira.
"A feira vai moi ben, onte a pesar da chuvia, veu xente e hoxe un pouco mellor", di a libreira Maitane Vicente, de Ula Libraría Social.
Nesta libraría de Outes, a escritora Silvia Tasende asinaba esta tarde exemplares da súa novela O espírito das maceiras.
"Ula é unha libraría rural e social e eu presento un libro que tamén está vencellado ao rural. É a historia dunha familia a través das xeracións", asegura Silvia Tasende.
Entre as presentacións do domingo, esta obra do poeta madrileño Mario Obrero, un canto á diversidade lingüística, que nos recomenda unha lectora.
"Paréceme moi interesante que un rapaz de Xetafe teña tanto interese por todas as linguas que forman parte do territorio español, e en concreto pola lingua galega, e que defenda a importancia de coñecer as linguas".
A Feira do Libro de Santiago vai continuar ata o domingo vindeiro, con máis de 70 actividades programadas para manter vivo o amor polos libros.