Remata a Semana Verde de Silleda con moitos visitantes e récord de expositores
Catro días de feira con encontros comerciais, sesións de cociña, catas e entretemento
A organización conta con superar os 100.000 visitantes
A edición número 47 da Semana Verde pechou as súas portas en Silleda con éxito de público. A organización agarda superar os 80.000 visitantes do ano pasado e mesmo volver a cifras de asistencia históricas.
"Estamos tendo un 25% máis de xente que o ano anterior, que é moito, e contamos con superar eses 100.000 visitantes que tiñamos hai uns anos e creo que imos volver recuperalos", asegura Ricardo Durán Rodríguez, director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia.
Durante a fin de semana leváronse a cabo máis de duascentas actividades dirixidas a todos os públicos.
Algúns dos asistentes contan que lles parece a exposición.
"Todo moi caro. Hai bastante afluencia de xente. Está moi bo día e está todo moi bonito".
"É o segundo ano que vimos, pásase a tarde aquí moi ben, divertímonos, comemos, moi ben".
"Véxolle moita utilidade, fundamentalmente a nivel de alimentación, paréceme unha exposición moi boa. No de maquinaria, como xa se celebra outra no mes de febreiro, realmente vén moi pouquiña maquinaria".
"Gústame moito, teño que volver o ano que vén".
A feira acadou récord de expositores, 758, dos cales 69 eran internacionais.
"Sempre fas contactos, visítate xente que xa é cliente. Se se pode vender, mellor", explica Carlos, comercial de MaxiDeza.