Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Asociación ATAVE de Ourense imparte cursos de formación para os futuros mecánicos

A Asociación ATAVE de Ourense imparte cursos de formación para os futuros mecánicos

Entre os futuros mecánicos hainos dende os máis vocacionais ou os que xa traballan e buscan titularse ata os que chegan aquí dende outros sectores

G24.gal 05/06/2026 14:05

Entre os futuros mecánicos hainos dende os máis vocacionais ou os que xa traballan e buscan titularse ata os que chegan aquí dende outros sectores, como por exemplo o da construción. Todos buscan o seu oco, e semella que hai sitio para moitos.

"É un sector en claro crecemento. Dino os datos a nivel nacional: somos un sector que estamos medrando un catro por cento anual en número de traballadores. Temos sectores como a fabricación de automóbiles que os está perdendo; ese catro por cento que eles perden asumímolo nós. Si, somos un sector con capacidade de empregar a máis traballadores", explica Ricardo Borrajo, Presidente de ATAVE- Asociación Provincial de Talleres de reparación de Vehículos de Ourense.

Durante tres meses e seis horas ao día esta é a súa aula, despois chegan as prácticas en talleres asociados. Aquí aprenden mecánica, chapa e pintura e todo o que precisen para se desenvolver nun sector que non para de cambiar. Jesús Gabriel Montero é alumno do curso:

"Agora con toda a evolución dos coches hai que entendelos máis: tanto sensores, a electricidade... O profe Ricardo é moi amante dos coches antigos, porque a súa sinxeleza era moi distinta. Pero claro, hai que ir adaptándose as novas tecnoloxías".

O caso de Jacobo é diferente ao do resto. A súa familia ten un taller no que el vai traballar ao rematar o curso. Aquí veu, di, ampliar a súa formación.

"Son as dúas cousas: fórmaste e unha vez formado xa podes saír e atopar traballo. Grazas a isto aprendes un montón, e en calquera taller, despois de saír de aquí, podes ser competente", apunta Jacobo Álvarez, alumno do curso.

É precisamente esa parte máis práctica a que atrae moitos dos alumnos. É o caso de Yoel González, ten 19 anos, e tócalle madrugar para vir ao curso cada día dende Bande. A el gustaríalle ter o seu propio taller no futuro.

"A min o que me gustaba máis era a práctica: traballar con motores directamente, transmisións e todo o dos coches. Aprendedes cada día? Efectivamente, si, todos os días aprendemos algo novo".

Á volta do verán moitos xa atoparán xa o seu sitio.

"En agosto xa estarán en talleres facendo prácticas, polo que en pouco tempo teremos máis xente. Cando volva a xente das vacacións xa estarán eles preparados nos talleres, non? Por suposto".

Todo apunta a que o sector contará con remuda, motivación polo de agora semella que non lles falta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade