Vilagarcía celebra o seu día grande cunha romaría urbana e cunha nova edición da Feira Celta
Festas na honra de santa Rita
As festas que comezaron onte, durarán ata o domingo
Hoxe é festivo en Vilagarcía. Celebran o día grande das festas de santa Rita que comezaron onte e que durarán ata o vindeiro domingo.
Ás 6 da mañá empezáronse a formar as primeiras ringleiras na contorna da igrexa mosteiro de Vista Alegre para asistir aos oficios na honra da santa patroa das causas imposibles. Cadaquén veu pedirlle polo seu.
"Ela ben sabe o que ten que facer".
" Cumpre os desexos imposibles, á avogada dos imposibles entón cando a xente ten unha preocupación, unha dor, algo que pedir, todos recorremos a santa Rita".
"Vimos sempre, todos os anos", comentan varias devotas.
Fidelidade ano tras ano dos devotos, pero tamén dos que buscan o negocio ao abeiro da crenza
"De feito eu levo 30 anos poñéndome aqui", apunta un churreiro.
"20 polo menos, xa meus pais xa viñan e os meus avós, sobre 40 anos levamos aquí, o que é a nosa polbería", engade un polbeiro.
Máis alá do relixioso e o gastronómico, durante as festas de santa Rita celébrase unha Feira Celta, con postos de artesanía, actuacións teatrais e xogos tradicionais para grandes e pequenos.
"A estas novas xeracións moito lles gustan os teléfonos, as tabletas e esas cousas e está ben que de cando en vez pasemos o tempo con outras cousas distintas".
"É como volver ao pasado e os nenos desfrútano".
"Gústame pasar un día cos pequenos, e moi ben, a verdade é que o estamos pasando xenial aquí na feira medieval e oxalá houbera máis días así ao ano", contan varios pais.