Estragan as cámaras do novo radar de tramo da estrada Tui-Gondomar
É o primeiro sistema que controla a velocidade nun treito de estrada convencional en Pontevedra
A Garda Civil investiga o caso como un posible delicto de danos
Guerra contra o radar da estrada que une Tui e Gondomar. É o primeiro sistema de control de velocidade en tramo instalado nunha vía convencional na provincia de Pontevedra e sufriu ataques dende o principio. Agora arrancáronlle as cámaras e deixárono practicamente inservible. En realidade, como é un radar de tramo, consta de dous dispositivos semellantes separados por dous quilómetros. Ao pouco de seren activados, déronlles golpes e hai uns días alguén levou as cámaras que tiñan nos mastros.
"A min paréceme unha estrada segura e, se hai radares, é pola nosa seguridade", afirma un transportista á saída de Tui.
"Hai moitas motos, e coches tamén, para cruzar ás veces hai que verse", explica unha muller que vive a carón da estrada.
O radar controla o tráfico na PO-340, unha estrada con curvas, pendentes e un só carril por sentido. A velocidade está limitada a sesenta quilómetros por hora.
"Posiblemente habería que reducir a velocidade", pensa un veciño, "hai curvas e a xente cruza e non hai pasos de peóns nin semáforos".
"Eu vexo que a xente conduce con bastante prudencia", comenta un ciclista que percorre habitualmente a PO-340.
A DXT puxo unha denuncia e a Garda Civil investiga o caso como un posible delito de danos. Nos últimos anos en Galicia xa se produciron outros episodios de ataques rechamantes a radares. En Oia, un home intentou roubar un radar portátil nun control móbil diante dunha patrulla de Tráfico. En Santiago, foi detido un condutor que se vingara a marteladas contra un radar de Conxo que lle puxera antes unha multa.