A romaría tudense que honra os muíños do río Tripes e o traballo do burro fariñeiro
A festa volve a vista atrás para lembrar as moendas de hai décadas e a importancia dos burros fariñeiros, hoxe case extinguidos
A Asociación Muiñeiros do río Tripes explican a importancia deste curso fluvial que con 40 muíños dinamizaba a economía da bisbarra
A romaría "Os nosos fariñeiros" lembra a importancia dos burros e dos muíños na economía de Tui nos últimos dous séculos. A asociación muiñeira do río Tripes organiza esta festa que cumpre hoxe vinte e dúas edicións.
A festa volve a vista atrás, a como se moía a fariña de millo nos muíños da contorna deste río, afluente do Miño, e ao protagonismo que tiña o traballo dos burros fariñeiros, unha especie en perigo de conservación en Galicia.
O colectivo tutela 25 muíños e está facendo a didáctica de ensinar que o río que divide a parroquia de Randufe e a entidade menor de Pazos de Reis foi moi muiñeiro, tiña ata 40 muíños.
A romaría honra os muíños e os burros. De feito, a gran protagonista hoxe foi Buxiña, unha fariñeira de catro anos, que coida Miguel e que foi mercada para ser a raíña deste evento.
A Buxiña mercouna hai catro anos a Asociación de Muiñeiros do Río Tripes e cóidaa desde entón Miguel, un socio. Porque unha romaría que lembre e honre as muiñadas de fariña de millo na contorna do río que separa Pazos de Reis e Randufe non podía ser sen un burro fariñeiro.
"Foi criada con leite de cabra. Ela vive coas cabras. Comprouse e era moi pequeniña e agora é a raíña das festas", conta a TVG Miguel Figueroa, o coidador da burra fariñeira Buxiña.
"Os burros fariñeiros, que nós tiñamos, o meu avó, eu era un rapaciño, eran os animais máis servizais que houbo para as pequenas cousas. Eu fun un millón de veces ao muíño montado no burro cun saco atravesado nel", engade José Gómez, que ven á romaría desde Paraños.
"Estes burros fariñeiros hai que mantelos. Porque se a festa vai seguir, sen os burros non se pode facer a festa", conclúe Miguel Figueroa, o coidador da Buxiña.
Nos anos sesenta en Galicia había 15.000 burros fariñeiros. Hoxe non chegan aos cen. A romaría enxalza tamén os muíños da contorna do río. Chegou a ter corenta en marcha.
A romaría, que une Circos e a Ponte celébrase na rodeada de dous muíños en funcionamento. Un deles o Folón de Arriba, que está a carón do muíño do Branco.
"Isto como oficio xa non existe. Isto é simplemente, hoxe, unha afección, a de estar aquí. Antes tiñan estes muíños para moer. Pero maquiaban, cobraban", apunta José González, o muiñeiro na romaría.
"Nós en principio queremos que a romaría siga sendo o máis tradicional posible. O saber de onde vimos din que nos conta cara a onde imos e cara a onde queremos ir. Non hai que esquecer tampouco o traballo dos nosos maiores, o que facían e como vivían", matiza Ricardo da Silva, o presidente da Asociación Muiñeiros do río Tripes.
Este ano, actuaron as pandeireteiras e cantareiras Darraia e o pregón correu a cargo das irmás Ana e María Soalle, representando a Asociación Discamino de Vigo.