Vigo activa este luns un plan para reducir os atascos no centro da cidade
Desviarán os coches cara a Samil, de onde sairán buses continuamente cara ao centro

O Concello de Vigo pon en marcha este mesmo luns un novo plan de tráfico para tratar de minimizar no posible o caos de circulación que se xerou na cidade noutras xornadas das festas do Nadal.
Así o anunciou o alcalde. Abel Caballero, di que duplicará a presenza de axentes da Policía Local e que se desviará aos vehículos que cheguen á cidade cara á praia de Samil, desde onde sairán constantemente autobuses cara ao centro da cidade. O dispositivo comezará ás 18:00 horas.
Así, os vehículos procedentes de Pontevedra ou Baiona pola AP-9 van ser redirixidos á VG-20. O tráfico procedente da A-55 accederá pola Avenida de Madrid pero ao chegar a Arquitecto Palacios será desviado cara á zona de Samil e a avenida de Europa.
A oposición mostrouse moi crítica co plan de tráfico do Concello, ao que consideraron un produto da improvisación.
Tamén se cuestionou a ausencia dun plan B no caso de que sexa necesaria a intervención dos servizos de emerxencia no centro da cidade, completamente colapsado.
Caballero volveu recomendar que se utilice o transporte público para acceder ao centro da cidade, deu a benvida a todo aquel que desexe visitar Vigo e pediu que se sigan as instrucións de tráfico.