Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vento de case 120 quilómetros por hora en Muras, nunha nova xornada con alertas en Galicia

Vento de case 120 quilómetros por hora en Muras, nunha nova xornada con alertas en Galicia

MeteoGalicia advirte de que este venres será unha xornada de chuvascos, máis frecuentes na metade oeste

A cota de neve estará entre os 900 e os 1.000 metros

Foto: EFE/ Moncho Fuentes /Cámara web da CSAG situada no Parador de Muxía, con vistas da praia de Lourido, da localidade de Muxía
G24.gal 09/01/2026 10:04 Última actualización 09/01/2026 15:02

A borrasca Goretti mantén este venres en alerta laranxa a parte de Galicia por temporal costeiro, con ondas de ata 6 metros de altura, e deixou refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora en varios puntos da comunidade.

Segundo os datos de MeteoGalicia, ás 8:00 horas rexistrouse en Penedo do Galo, en Viveiro, un refacho de 114 quilómetros por hora, mentres que 50 minutos despois Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), anotaba ventos de 110,6 quilómetros por hora.

As costas da Coruña e Lugo son as máis afectadas polo temporal que, debido aos avisos emitidos polas entidades meteorolóxicas, levaron á Xunta por segundo día consecutivo a decretar a alerta laranxa e a suspender toda a actividade deportiva no mar.

Goretti, que está situada entre o Paso de Calais e Países Baixos, deixa un día de "abrir e pechar os paraugas" na comunidade, segundo sinalou MeteoGalicia. Tamén provocou un aviso amarelo por neve na Montaña de Lugo a partir de mediodía, con acumulacións de máis de 5 centímetros a partir dos 1.000 metros de altitude.

As temperaturas xa empezaron a descender e, na primeira metade da xornada do venres, a mínima galega rexistrouse na Fonsagrada, con 3,2 graos ás 11:00. Polo momento non se notificaron grandes incidencias relacionadas co temporal, máis aló dalgunha árbore caída, e segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico non hai estradas afectadas.

Os avisos de MeteoGalicia estenderanse tamén ao sábado, aínda que serán amarelos, por neve na Montaña de Lugo e por ondada na Costa da Morte, a Mariña lucense e a costa noroeste da Coruña, con ondas de ata 5 metros, mentres que o domingo hai avisos amarelos por vento.

Os efectos de Goretti iranse disipando a fin de semana e darán paso a unha semana chuviosa. A Axencia Estatal de Meteoroloxía avanzou que a semana que vén espéranse precipitacións con "acumulados significativos" na comunidade galega, debido ao paso de varias frontes asociadas a borrascas atlánticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade