Publicador de contidos

Publicador de contidos

Venda de droga dende a ventá dun quinto piso en Vite, en Santiago

Venda de droga dende a ventá dun quinto piso en Vite, en Santiago

A veciñanza denuncia un pesadelo con venda en público, á vista dos nenos, noite e día

Están abraiados co condutor dunha furgoneta que vai comprar coa roupa de traballo tres veces no día

G24.gal 19/08/2026 14:29

A ventá do quinto piso funciona a modo de mostrador. Dende abaixo, piden, e dende arriba, caen as bolsiñas. Sen agocharse, noite e día. Un 24 horas.

"Soben moitos, e outros, non sei como lle pagarán, supoño que por Bizum, pero chaman pola ventá, mándanlle whatsapp e tíranlle a droga e recóllena na beirarrúa, diante do portal".

"Non se ve o 'tejemaneje' de man a man, tírana pola ventá".

"O movemento que teñen de droga é moito".

"Venderán un pouco de todo porque un día estáballe dicindo ela a alguén que había de 25, de 30..., supoño que son os prezos".

A rúa é un ir e vir de xente, pero hai un comprador en concreto que os ten abraiados. 

"Ás 7:30 ou 7:45 da mañá, xa está el aqui. Despois ás once e media volve".

"É unha persoa que vén cun furgón de traballo serigrafado e vén tres veces ao día, á mañá, ao mediodía e á tardiña, e el é o condutor do furgón".

A gravidade é maior, se cabe, pola localización do edificio, xusto en fronte dun polideportivo.

"Esta cheo de nenos de todas as idades e ven este movemento, este 'trapicheo', que tiran cousas pola ventá e os pais teñen medo".

Un medo que en Vite se xustifica máis aínda polo que foi o barrio e, por sorte, xa non é. pero esa actividade remexe os recordos. 

"O tema das drogas que houbo aquí nos 80 foi terrible e tardou moito en desaparecer, xente da miña idade morreu aquí por culpa da droga, uns oito ou nove rapaces nesta praza na que somos catro edificios". 

O piso alugouno unha parella, supostamente con tres fillos menores. Dende o primeiro día, souberon o que lles viña enriba. 

"Pelexas, que xa veu a policía varias veces; outro día un ameazou con botar gasolina no portal e queimalo, e esa mesma noite foi cando apareceu o cristal roto".

"Coa mesma empezáronse a escoitar berros, ata a chorar, pero fortísimo, unha lea que metía medo e empezaron a baixar polas escaleiras uns para un lado e outros para outro".

Son os mesmos aos que hai uns meses botaran da rúa Rianxo, a menos dun cuarto de hora camiñando. Saben o inferno que lles queda por diante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade