Detida unha veciña de Oleiros á que comisaron cocaína e haxix por valor de máis de 2.000 euros
A muller foi detida o pasado venres en Santa Cristina, tras levarse a cabo unha investigación iniciada por unha comunicación da Policía Local de Oleiros, que puxo en coñecemento da Garda Civil a posible existencia dun punto de venda de droga
Garda Civil/Ministerio do Interior
Axentes da Garda Civil de Oleiros detiveron unha veciña da localidade de 50 anos á que lle comisaron cocaína e haxix valorado en máis de 2.000 euros.
Segundo trasladou o Instituto Armado, a muller foi detida o pasado venres en Santa Cristina tras levarse a cabo unha investigación iniciada por unha comunicación da Policía Local de Oleiros, que puxo en coñecemento da Garda Civil a posible existencia dun punto de venda de droga.
Deste xeito, os axentes iniciaron unha investigación que se prolongou durante varios meses e coa que constataron que a muller vendía substancias estupefacientes empregando como método a ocultación da droga entre os seus efectos privados para o seu transporte e posterior distribución, presentada xa fraccionada en doses listas para a venda.
No momento da intervención, detallou a Garda Civil, a detida portaba 34 gramos de cocaína e nove gramos de haxix, cunha valoración económica conxunta de 2.100 euros. Ademais, os axentes interviñéronlle 150 euros en efectivo.