Estabilizado o incendio forestal de Taboada, que calcina 30 hectáreas
Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, catro técnicos, 19 axentes, 21 brigadas, 20 motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, cinco helicópteros e catro avións
A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado este mércores no municipio lucense de Taboada xa se deu por estabilizado e estimou a superficie calcinada en 30 hectáreas.
Segundo trasladou o departamento autonómico, o lume, que se iniciou ás 17:38 horas na parroquia de Ínsua, atópase estabilizado desde as 08:42 horas deste xoves.
Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, catro técnicos, 19 axentes, 21 brigadas, 20 motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, cinco helicópteros e catro avións.
Foi unha noite en vela para os veciños da parroquia taboadesa de Insua.
"Aí polas dúas da mañá fomos ver por onde andaba, porque non se sabe por onde pode vir para as casas".
Porque servizos de loita contra os incendios e veciños estiveron loitando por controlar o lume dende que se declarou na tarde deste mércores.
"Moitos nervios, intentando refrescar as casas con auga, porque o viamos tan preto! O fume chegaba xusto ao lado da casa. Nunha casa que está ao lado da nosa, prendeu lume no prado. Eu creo que hoxe aínda continúo nerviosa. Moi mal".
"Unha agonía, porque estaba facéndose de noite e encima coa eclipse pararon os helicópteros. Chegou unha faísca voando e prendeu nunha leira de trigo. Tiven que coller a cisterna para axudar algo".
Tamen chegaron a axudar veciños de lugares próximos.
"Axudaban como podían. Isto é un sitio pequeno e por riba faltan veciños. Sen tractores nin cisternas, chegou xente doutras vilas, e grazas a eles".
É o segundo incendio forestal que se declara nesta parroquia este verán. Os veciños sospeitan que foi intencionado.
"Este si cremos que foi intencionado porque foi nunha curva ao lado da estrada, que non hai nada. O outro foi por un piñeiro delgado que caeu enriba da rede eléctrica, rompeu un cable, fixo chispas e prendeu, pero este, non creo".
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Ao mesmo tempo, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia.