Un "Ferrari" para a extinción de incendios en Galicia
O Black Hawk UH-60L chega a Galicia
O helicóptero máis veloz e con maior capacidade de carga de toda Europa xa está operativo
"É agora mesmo, sen medo a equivocarnos, o helicóptero máis veloz que hai en toda España e en toda Europa facendo incendios e tamén o que máis carga" , presume Nicolás Tamame, responsable de operacións.
Podería ser o Black Hawk que utilizou Ridley Scott na súa película bélica, pero non, este é para apagar incendios e vai estar operado por persoal civil. Dende hoxe entra a formar parte da frota de medios aéreos galegos para loitar contra o lume e con esta incorporación Galicia saca músculo.
"O noso obxectivo era conseguir un helicóptero coma este, con gran capacidade e rapidez para chegar o máis axiña posible a un conato de incendio para que non se converta, pois iso, nun grande incendio, non?, apunta Mª José Gómez, conselleira do Medio Rural
E non hai ningún outro máis rápido en toda Europa. Pode acadar os 350 quilómetros por hora e ten unha capacidade de carga de 4.300 litros fronte aos arredor de mil que cargan o resto dos helicópteros.
"Este mangote vai voando perpendicular cara ao chan. Cando chegamos ao punto de auga a bomba empeza a encher o depósito, nuns 30, 45 segundos énchense os 4.300 litros nun depósito flexible que se baixa. Ten capacidade multidescarga, descarga variable e descarga con diferentes caudais en función do combustible que esta ardendo", explica o piloto
O Black Hawk permanecerá na base helitransportada de Silleda mentres non remata a construción da de Lalín.