Publicador de contidos

Publicador de contidos

Extinguido o incendio de Visma, na Coruña, que queimou 5 hectáreas de monte baixo

Extinguido o incendio de Visma, na Coruña, que queimou 5 hectáreas de monte baixo

A intensa fumareda fixo que o concello desaloxara unha trintena de persoas por precaución

O lume obrigou a mobilizar un amplo dispositivo de emerxencias

G24.gal 19/10/2026 08:35

Quedou extinguido contra as nove da noite o incendio declarado na tarde deste domingo na parroquia de Visma, na Coruña, que mobilizou durante horas os servizos de emerxencia da cidade. As primeiras hipóteses apuntan a que o lume puido comezar nuns valados de plástico nas inmediacións de Talleres Hércules, preto do parque de Bens.

Desaloxada unha trintena de veciños por mor do fume

O incendio declarouse contra as seis e vinte da tarde e calcinou unhas cinco hectáreas de monte baixo. A intensa fumareda obrigou a tomar medidas preventivas na contorna e desaloxar unha trintena de veciños.

O forte vento dificultou moito os labores de extinción. Os bombeiros da Coruña mobilizaron tres vehículos autobomba, aos que se suman os medios da Consellería do Medio Rural: seis axentes, cinco brigadas, cinco motobombas e dous helicópteros. O incendio quedou extinguido contra as nove da noite deste domingo.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 e a aplicación móbil ALume para avisar en caso de incendio forestal, así como outro teléfono (900 815 085) para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade