Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños e comerciantes esixen solucións para unha casa en ruínas no centro histórico de Lugo

Veciños e comerciantes esixen solucións para unha casa en ruínas no centro histórico de Lugo

O inmoble leva tres anos valado porque houbo varias derrubas; a última, a do teito

A casa está nunha das zonas máis visitadas da cidade, rodeado de bares e restaurantes

O Concello non descarta a súa expropiación

G24.gal 26/11/2025 14:06

Unha árbore que sobresae do valado, a carriza da fachada, pero sobre todo o burato no teito evidencian o paso do tempo. O estado ruinoso desta casa situada no corazón do centro histórico de Lugo, na praza do Campo, desespera a veciños e hostaleiros.

"Levamos varios anos pelexando con isto, o teito caeu no 2022 e desde esa está valada que foi o único que fixeron", di unha muller.

A casa está rodeada de restaurantes, cuxos clientes teiman en sentar na terraza por se cae algún cascallo.

"A xente non quere sentar na terraza, teñen medo, e escoito os turistas dicir como pode estar isto así no centro da cidade", di unha hostaleira.

Problemas de seguridade, salubridade e mala imaxe para o centro turístico da cidade. Algúns negocios xa denunciaron os propietarios, tamén a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros. Multas, ordes de reparación pero nada funciona.

"A mala imaxe que xera, estamos no corazón do centro histórico e non é normal que estea así despois de anos e anos", asegura Luis Latorre, presidente da asociación Lugo Monumental.

Veciños e hostaleiros esixen unha solución. O Concello estuda agora expropiar o inmoble.

"Hai xa leis autonómicas que permiten isto, mecanismos hai pero non se fai, hai que ter vontade", engade Latorre.

A casa conta con elementos catalogados na súa fachada, como cornixas balcóns e portas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade