Veciños do barrio de Navia, en Vigo, descobren que os seus pisos son ilegais
A promotora vendeulles vivendas que só tiñan licenza para oficinas
O Concello ordena o corte da subministración de luz e auga das vivendas ilegais
Natascia acaba de saber que a vivenda que mercou hai tres anos, ante notario, e con todo supostamente en regra, é ilegal: "Sóubeno hai media hora, chamoume un veciño para dicirme que os nosos pisos son ilegais, que estamos vivindo nunhas oficinas. Eu non sabia nada, levo tres anos vivindo aquí e é a primeira vez que escoito isto", di Natascia Cremonini, propietaria dunha das vivendas afectadas.
Pero Natascia non é a única. Unha promotora con domicilio social en Cataluña remodelou oficinas para convertelas en vivendas na entreplanta de tres edificios nesta rúa Teixugueiras. Moitas están destinadas ao alugueiro turístico.
A Xunta xa impuxo multas millonarias ao promotor, e o Concello de Vigo insta os propietarios a que devolvan as vivendas ao seu estado orixinario. Tamén acaban de ordenar que se corte a luz e a auga nas vivendas, que consideran ilegais e ilegalizables.
"Tratei coa promotora que mo vendeu. Dixéronme que eran oficinas pero que as adaptaran coa cociña, e que fixera un cambio de uso a vivenda. Eu fun ao notario, que me dixo que todos os documentos estaban ben, e eu firmei para mercala", relata Natascia.
Os afectados din que non sabían que había irregularidades. As vivendas estaban inscritas no catastro e na Axencia Tributaria, que as mercaron ante notario, e levan anos pagando as taxas do lixo. Os veciños do resto do edificio saben que dende o principio esas vivendas eran oficinas, pero que hai dous anos comezaron a estar habitadas.
Dende a empresa promotora, que rexeita facer declaracións, alegaron que as irregularidades prescribiron porque as obras se fixeron hai seis anos. Achegaban as facturas das cociñas, que o Concello desestimou no seu expediente. De momento, as vendas están suspendidas á espera da resolución do recurso á decisión da xerencia de Urbanismo.