Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños de Sada denuncian o abandono das instalacións da piscina municipal

Veciños de Sada denuncian o abandono das instalacións da piscina municipal

Din que os actos vandálicos son constantes e existen problemas de seguridade cidadá e ao medio ambiente

Os veciños demandan medidas urxentes de limpeza e mantemento pois as instalacións están preto do espazo protexido As Brañas

G24.gal 10/05/2022 14:32

Veciños de Sada denuncian o mal estado das instalacións da piscina municipal que levan desde xaneiro do ano pasado pechadas, por deficiencias na cuberta. Pintadas, cristais rotos e lixo nos arredores das instalacións derivan en problemas de seguridade cidadá e de medio ambiente por estar nunha zona de espazo natural protexido.

"Hai que solucionalo porque entendemos que está rozando o delitivo"

En algo máis dun ano que levan pechadas as instalacións da piscina municipal, a deterioración é evidente. Os veciños din que os actos vandálicos se están a converter nunha constante nas últimas semanas, pero amais existen outros problemas de seguridade ou da falta de servizos para os cidadáns.

"Temos un grave problema de que a xente maior non pode facer a súa rehabilitación e non pode usar o ximnasio" e na localidade non dispoñen doutras instalacións municipais que poidan ofrecer este servizo, explica Manolo Cotos Membro do movemento veciñal Veciños Unidos Sada.

Engade que os actos vandálicos e roubos están comezando a acontecer o que supón un problema de seguridade cidadá, "pedimos que a administración actúe xa, de maneira urxente".

"Medidas urxentes de limpeza, mantemento e protección"

As instalacións están ao carón do ENIL As Brañas, un espazo natural protexido. O abandono e a falta de mantemento preocupa a veciñanza que teme que remate converténdose nun grave problema medioambiental.

"Sucidade, plásticos... non é posible, hai que solucionalo porque entendemos que está rozando o delitivo" indica. Por iso, demandan tomar "medidas urxentes de limpeza, mantemento e protección" dos arredores e das propias instalacións da piscina municipal.

"Pedimos que se dote a zona de cámaras de vixilancia como unha medida preventiva", propoñen desde o movemento veciñal, "e que se acondicione a zona porque é un espazo que debe ser para o uso e desfrute dos veciños". 

Desde o Concello de Sada din ser coñecedores da problemática e xa están a tomar medidas. Explican que as obras de reparación da piscina comezaron e que pronto se verán as melloras e así poder ofrecer de novo o servizo.

Unhas obras en que tamén inclúe substituír os cristais rotos. Con respecto aos actos vandálicos, aumentaron a vixilancia na zona por parte da Policía Local e xa hai abertas actuacións contra algúns dos responsables. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade