Veciños do barrio ourensán de Rabo de Galo quéixanse de meses de obras na rúa
Fochancas, canalizacións ao descuberto, sen asfalto e chea de area e pedras, así está a rúa coa que espertan cada mañá os veciños
A maioría deles son xente maior con dificultades para camiñar, polo que senten atrapados na súa propia vivenda
Os veciños do barrio ourensán de Rabo de Galo están en pé de guerra. Levan máis de seis meses de obras na rúa e as complicacións son diarias sobre todo para a moita xente maior que vive no barrio, non poden pasear, non poden saír a facer a compra.
Os repartidores tampouco o teñen fácil, cada día atópanse con novos atrancos. Os afectados piden que se rematen canto antes as obras, que as ambulancias non poden pasar e que teñen problemas para que os taxis os veñan recoller.
Ademais a situación agrávase nos días de choiva, a varios veciños xa lles entrou auga e area na casa.
Esta mañá había operarios traballando na zona. Dende o Concello de Ourense aseguran que se retomaron as obras e agardan rematalas no menor tempo posible.