Veciños de Vista Alegre, en Santiago, denuncian dous punto de venda de droga no barrio
Din que os vendedores actúan sen agocharse desde pisos alugados
Quéixanse de que venden de día e de noite, e mesmo regatean a berros os prezos da droga
O problema concéntrase nas rúas Bispo Peláez e Rianxo. Segundo denuncian os veciños de Vista Alegre, nelas existen dous puntos de venda de droga onde os vendedores actúan sen agocharse desde pisos que teñen alugados.
Os veciños máis afectados son os que viven nos mesmos bloques, pero rexeitan saír ante a cámara por medo. Contan que están fartos da trasfega de clientes que mercan, e mesmo regatean o prezo da droga, a berros desde a rúa.
Piden unha maior presenza policial na zona e que se tomen medidas para devolver a tranquilidade ao barrio. Unha zona que nos anos 90, xunto ao veciño barrio de Vite, chegou a estar moi tocada pola droga e quere evitar que ese pasado escuro regrese para quedar.