Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Porto do Son piden afastar das súas casas a instalación dunha depuradora

Veciños de Porto do Son piden afastar das súas casas a instalación dunha depuradora

Denuncian que o proxecto que se paralizara hai case 13 anos por mor da localización da depuradora agora volve retomarse e situarase na mesma zona, a menos de 100 metros das casas

Temen os cheiros, pero tamén que acabe afectando a contorna natural do río e da praia do Dique 

 

G24.gal 17/06/2022 14:34

Imaxinen que lles instalen unha depuradora a menos de 100 metros das súas casas e nunha contorna natural onde conflúen río e mar. Pois isto é precisamente do que se queixan os veciños da parroquia de Queiruga, en Porto do Son. Denuncian que un proxecto que se paralizara hai case 13 anos por mor da localización da depuradora agora volve retomarse e situarase na mesma zona. 

Con incredulidade viven os veciños desta parroquia do concello de Porto do Son. A polémica está na instalación dunha depuradora a menos de 100 metros das súas casas. Explican que non están en contra da depuradora, pois cren que é moi necesaria, pero piden que se afaste das súas casas e do río. 

Este mesmo proxecto foran quen de paralizalo 13 anos atrás. Daquela o Concello comprometérase a buscar unha nova alternativa ata hoxe. A asociación de veciños presentou unha acta no Concello hai un mes, pero polo de agora non teñen resposta. 

Temen os ruídos e os cheiros, pero sobre todo temen que acabe afectando a contorna tal e como a coñecen, pois o río verte as súas augas no mar na praia do Dique.  

Pola súa banda, o Concello entende a preocupación da veciñanza e pide que confíen nos técnicos, tanto municipais como de Augas de Galicia, que están a preparar un informe para afastar a depuradora das casas. Será aí, contan que a principios de xullo, cando manterán unha reunión con eles. Aínda así, o sábado, 18 de xuño, ás 12, os veciños manifestaranse en fronte á praza de abastos para que, como din, as súas voces se escoiten.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar