Veciños de Marín denuncian a sinistralidade nunha das estradas ao lago Castiñeiras
Trátase da EP-103, ao seu paso polo Igrexario e Agrela
Quéixanse de continuos accidentes, e piden que se prohíba o tráfico de vehículos pesados
Quéixanse os veciños do Igrexario e Agrela en Marín: viven ao pé dunha pendente pronunciada que baixa dende o lago Castiñeiras, e din que os accidentes son constantes. Explican que a situación empeorou dende hai uns anos, cando quitaron as restricións ao tráfico pesado.
Por esta EP-103 soben e baixan camións cargados, que xa provocaron danos nas casas e no firme da estrada. A Carlos Feijoo, un veciño da zona, xa lle tiraron tres veces o muro da casa. A última vez, hai menos dun mes. "Unha furgoneta perdeu o control e deu contra o muro", conta.
"Se en vez de ser unha furgoneta é un camión con madeira, méteseme na casa".
Temen que un día haxa unha desgraza importante, e piden medidas urxentes para regular o tráfico na zona. "Que poñan sinais de velocidade ou unha lomba, e que prohiban o paso de vehículos pesados", pide Carlos.
Unha vez recibida a queixa veciñal, dende o Concello de Marín afirman que está previsto volver restrinxir o tráfico de vehículos pesados nesta estrada.