Publicador de contidos

Publicador de contidos

Proliferan os vertedoiros ilegais en Culleredo

Proliferan os vertedoiros ilegais en Culleredo

Piden que se retire o lixo destes vertedoiros incontrolados, nos que mesmo hai materiais contaminates

Logo de dous anos e medio, seguen a denunciar esta problemática que afecta varios puntos dos montes do concello

G24.gal 21/02/2023 13:47

Veciños de Culleredo están fartos de atopar cada día puntos de vertedoiros ilegais nos montes do concello. Din que levan anos denunciando esta situación e piden que se tomen medidas urxentes para evitar a contaminación do solo e que o problema vaia a máis.

Mobles, libros, xoguetes e ata documentación con datos persoais... Isto foi o que atoparon algúns veciños de Culleredo esta fin de semana. Un vertedoiro ilegal, de difícil acceso, e que por desgraza xa é un punto habitual que os máis incívicos empregan para tirar lixo. "É unha pena que nun lugar tan bonito, no que a xente vén camiñar, sacar os cans, practicar deporte... teñamos que convivir con este tido de vertedoiros", explica un veciño.

Pero este non é o único vertedoiro ilegal que se pode ver nos montes deste concello coruñés, nin tampouco se trata dunha problemática recente. A veciñanza ten localizados ata oito puntos e levan denunciando esta situación desde hai máis de dous anos. 

Con todo, o que máis lles preocupa son os vertedoiros incontrolados onde tiran entullo e materiais contaminantes como aceites ou uralitas. Algo que non entenden pois hai varios puntos limpos moi preto das zonas onde tiran o lixo de forma ilegal. 

Os veciños piden a retirada urxente do lixo para evitar un problema maior e que se investiguen estes feitos para identificar os responsables das verteduras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade