Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan a orixe dunha vertedura de xurro que acabou no río Furelos

Investigan a orixe dunha vertedura de xurro que acabou no río Furelos

O feito de que río leve bo caudal impediu mortaldade de peixes polo xurro que en alta concentración é letal coa flora a fauna fluvial

Os pescadores do couto encóntranse en día hábil coa descarga de xurro no rego Sandión, e con alodamentos do río polo dragado na praia fluvial da Tosta e pola limpeza dunha canle de muíño 

 

A vertedura de xurro entrou no río Furelos na Tosta, a praia fluvial de Melide, onde este mércores efectuaban traballos de dragado que impedían pescar río abaixo
G24.gal 08/05/2025 13:37

As primeiras pescudas para determinar quen fixo unha descarga de xurro no rego de Sandión o domingo á tarde aínda non lograron o obxectivo. A asociación de troiteiros de Melide denunciou o feito contaminante nos departamentos administrativos competentes.

O primeiro en acudir xa esa tarde foi un operario de Augas de Galicia. Detectou cheiro a xurro e seguiu o curso do rego para ver se localizaba o foco da vertedura, pero non deu.

O luns pola mañá, persoal da Consellería de Medio Ambiente e de Augas de Galicia percorreu o rego de Sandión, pero xa pasaran moitas horas e o rego xa ía completamente claro e tampouco se detectaron olores.

"Nestes momentos non saben onde está o foco dos xurros", explica Xavier Pazo Blanco, presidente da Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide.

Pazo contábao na mañá do mércores, e unha hora despois o pescador Jorge alertaba doutra vertedura oito quilómetros máis arriba. Esta non tiña a agresividade ambiental do xurro, pero si amolou plans de pesca nun dos cinco días hábiles que, previo pagamento, teñen á semana.

"Non se pode pescar; mentres o río vaia así, as troitas non se moven. Non é o mesmo que se chovese. Isto é botado adrede e a troita parece ser que non é parva", di Jorge.

Desta volta a turbidez do Furelos debíase ao arrastre de lodo e follas na limpeza da canle de auga dun muíño no termo municipal de Toques. Os prexudicados piden que se limite esa tarefa a martes ou xoves, inhábiles para a pesca.

"É xerado artificialmente o lodo. Se fose natural, a troita pode picar. Así, non", afirma Juan mentres pesca en zona clara, preto de onde realizan o dragado.

Maior contaminación está en verteduras de xurro como a domingo que, grazas ao bo caudal que leva o Furelos, non ocasionou mortaldade, pero noutras circunstancias sería letal para a flora e fauna do río.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade