Na Coruña adestran a medicina reumática nunha realidade virtual
O CHUAC é pioneiro en España en empregar lentes de realidade virtual para afrontar as doenzas antes de que acontezan
Con lentes de realidade virtual, o usuario mergúllase nunha realidade paralela na que pode ver, tocar e enfrontarse a unha doenza antes de que aconteza.
"No proceso que fixemos é unha persoa que ten unha inflamación nun xeonllo e pode ser por múltiples causas. Entón, do que se trata é que o estudante ou o médico en formación se enfronte a todas esas causas. É moi importante a exploración, informar e pedirlle o consentimento ao paciente", explica Francisco Javier del Toro Santos, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC e coordinador do proxecto.
E todo isto nun ambiente de seguridade onde a ansiedade apenas existe. E, amais, o risco para o paciente é cero.
"Pódese replicar as veces que un queira, polo que xa leva unha aprendizaxe feita", comenta o xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC.
Este proxecto do CHUAC, pioneiro en España, no que tamén participan enxeñeiros informáticos da Universidade de Salamanca, naceu hai tres anos e xa foi merecedor de varios premios.
"O primeiro ano un premio na categoría de ferramentas da innovación e ao ano seguinte, outro, engade Del Toro Santos.
E tras este éxito, agora xa están mergullados noutro proxecto similar, pero desta volta andan á procura de mellorar as competencias da ecografía e infiltracións no ombreiro.