Costas inicia as catas na Ribeiriña da Pobra para dar coa orixe das verteduras de hidrocarburos
Unha vertedura de hidrocarburo mantivo pechada ao marisqueo a zona da Ribeiriña
Costas iniciou as catas na zona da antiga conserveira buscando posibles filtracións subterráneas
Os veciños denuncian o mal estado dunha antiga fábrica de fariñas e piden solucións seguras para a zona
Despois de varios meses de verteduras de hidrocarburos á ría de Arousa, comezan as inspeccións baixo terra na zona da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal, para descubrir, con catas en profundidade, de onde proceden as verteduras, que obrigaron a manter pechada a zona ao marisqueo.
Agora xa está aberta porque o nivel de hidrocarburos desapareceu, temporalmente, pero os veciños da zona e tamén o Concello pedían unha análise en profundidade da contorna para que se evite que siga vertendo.
Na Ribeiriña había dúas fábricas, unha de conservas e outra de fariña de peixe. A de conservas derrubouse e o espazo foi recuperado, a outra está en ruínas. Veciños e Concello pedíronlles aos donos que aseguren a edificación. Pero de momento está así. Desde hai uns cinco meses, no mar apareceron verteduras de hidrocarburos. Houbo que pechar o marisqueo, agora está aberto de novo, pero os controis sanitarios aumentaron.
A orixe das verteduras pode estar baixo terra. Por momentos é perceptible a vertedura entre as rochas. É posible que algunha das antigas fábricas teña depósitos subterráneos que filtran, de xeito intermitente, hidrocarburos contaminantes. Había tempo que estaban pendentes, pero Costas vai iniciar xa as catas que prometera na terra para ver a orixe do dano.
De momento, o nivel de hidrocarburos é mínimo e o marisqueo está permitido na Ribeiriña, pero na zona temen que en calquera momento o nivel de verteduras volva aumentar.