As escolas infantís galegas unificarán calendario de matrícula a partir do curso 26/27
A Xunta destina 47 millóns á gratuidade das escolas infantís de iniciativa social no próximo curso
O Consello da Xunta aproba o decreto para que os universitarios conten coa matrícula gratuíta

O Consello da Xunta aprobou este luns unha orde de axudas por valor de 47 millóns de euros destinados á manter a gratuidade das escolas infantís de iniciativa social durante o próximo curso 2025/26.
A novidade deste novo curso, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é que todos os centros, tanto públicos, como privados, e de iniciativa social, unifican o seus períodos de matrícula para o curso 2026/27 "para facilitar os trámites ás familias".
Amais o Consello tamén deu o visto e prace ao decreto polo que por segundo ano consecutivo os universitarios contarán coa matrícula gratuíta, os que o fagan por primeira vez, e nos cursos seguintes cumprindo cunha ratio de aprobados.
O presidente da Xunta calculou entre 2.500 e 3.000 euros o aforro anual de cada alumno ao non ter que pagar as matrículas das carreiras que cursan.
No pasado curso, asegurou Rueda, beneficiáronse da medida uns 20.000 universitarios cun investimento por parte da administración de entre 9 e 10 millóns de euros.
A Xunta licita o novo servizo de transporte escolar por 95 millóns ata 2027
A Xunta iniciou a tramitación para contratar o novo servizo de transporte escolar, cun orzamento de 95 millóns de euros ata 2027, o que supón un incremento do 12 % respecto ao contrato vixente. O Consello da Xunta autorizou este luns a licitación, que ampliará de 57 a 71 os lotes actuais.
O novo contrato dará continuidade ao servizo iniciado en 2021, que remata este ano, e que garante transporte gratuíto a máis de 42.000 alumnos en Galicia. As novas adxudicacións entrarán en vigor en decembro e terán unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga ata cinco exercicios en total. O valor estimado do servizo poderá chegar aos 257 millóns de euros.
As empresas que resulten adxudicatarias deberán contar cun mínimo de 1.246 vehículos para cubrir preto de 1.500 rutas escolares. Todos os autobuses deberán cumprir coa normativa vixente en transporte escolar, incluíndo cintos de seguridade e sistemas de rexistro de eventos.