Veciños de Cangas piden o tapiado dun edificio ocupado
Os bombeiros tiveron que sufocar un incendio nas últimas horas e houbo que evacuar tres persoas
Un edifico da rúa Atranco en Cangas quedou a medio construír e converteuse en refuxio para persoas sen fogar. Porén os veciños denuncian que viven en condicións insalubres e de inseguridade e que no inmoble hai compravenda de droga.
Nas últimas horas os bombeiros tiveron que sufocar un incendio no edificio. Tres persoas foron evacuadas e unha delas atendida polos sanitarios.
Os veciños temen que calquera día se produza unha desgraza por iso piden o tapiado do inmoble ocupado e a busca de solucións para as persoas que viven dentro.
O Concello de Cangas xa encargou un informe sobre a súa propiedade e estuda medidas a tomar para evitar que a situación se agrave.