Publicador de contidos

Publicador de contidos

Entran en vigor os novos sinais de tráfico máis claros, visibles e inclusivos

Entran en vigor os novos sinais de tráfico máis claros, visibles e inclusivos

Incorpóranse novos sinais que responden a demandas actuais e elimina aqueles que quedaron obsoletos

Entre os cambios hai modificacións do tamaño, ampliacións de información, novos pictogramas e a eliminación de connotacións de xénero

O cambio físico será progresivo, igual que a incorporación nos manuais dos permisos de condución

G24.gal 01/07/2025 10:01 Última actualización 01/07/2025 22:33

Este martes entran en vigor os novos sinais de tráfico que responden os cambios na mobilidade -como o auxe dos patinetes-, máis claros, máis directos, con mellor visibilidade, e que poñen o foco na linguaxe inclusiva e na sustentabilidade.

O novo catálogo oficial incorpora novos sinais que responden a demandas actuais e elimina aqueles que quedaron obsoletos ou que xa non están contemplados por normativas recentes.

Entre os principais cambios están a modificación do deseño e a definición de sinais verticais, marcas viarias e unha clarificación específica da sinalización circunstancial.

Así, modernizáronse pictogramas como os do ferrocarril ou a bicicleta e dáse unha mellor resposta ás necesidades de peóns e ciclistas.

Axustáronse, ademais, os tamaños para favorecer unha fabricación máis eficiente e sostible, amplíase a información en estacións de servizo con novos tipos de combustibles, incorpóranse sinais máis detallados de aparcadoiro e modifícanse outras debido ao traballo de humanización que se está realizando en multitude de municipios.

Outro aspecto destacado é a eliminación de connotacións de xénero na simboloxía para fomentar así unha linguaxe visual máis inclusiva.

A reforma pretende que os sinais transmitan mensaxes claras, directas e universalmente comprensibles, de modo que a actualización permita unha mellor comprensión por parte dos usuarios e unha maior coherencia en todo o territorio nacional.

A nova sinalización viaria recóllese no novo Regulamento Xeral de Circulación, aprobado polo Consello de Ministros o pasado 10 de xuño, que entra en vigor este martes.

Con todo, o cambio físico realizarase de forma progresiva e non se incluirán de inmediato nos exames teóricos para dar tempo a actualizar os manuais e facilitar a preparación dos aspirantes.

Ademais, os Ministerios do Interior e de Transportes e Mobilidade Sostible poderán, mediante orde ministerial conxunta, modificar, eliminar ou incorporar novos sinais ao catálogo oficial, o que permitirá unha adaptación máis áxil e eficaz do sistema de sinalización a futuras necesidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos