Veciños da rúa Milagrosa en Lugo, desesperados polos atrasos nas obras de renovación
As obras levan paradas dende decembro e tardarán polo menos tres meses en retomarse
O concello rachou o contrato coa adxudicataria que en meses só fixera o 10 % da obra e saca a unha nova licitación
Malestar en Lugo entre os veciños do barrio da Milagrosa polo atraso nas obras de peonalización. A reforma, que comezou en agosto, leva parada dende finais do ano pasado e ata dentro de tres meses, como mínimo, non está previsto retomala. O motivo é a rescisión do contrato coa anterior adxudicataria das obras.
As discrepancias entre a empresa adxudicataria das obras de reforma na rúa Milagrosa e o Concello de Lugo levaron o Goberno municipal a rescindirlle o contrato e iniciar un novo proceso de licitación.
O que inicialmente se contemplaba como unha renovación urbana, finalmente será unha obra máis completa porque se vai acometer o saneamento, atendendo así as peticións dos veciños debido aos malos cheiros e ás roturas. "Aquí rompían seguido as canalizacións, a min inundóuseme o baixo de augas fecais".
Agora, coa obra parada e unha nova licitación, non se sabe cando finalizarán unhas obras que deberían rematar en abril.
Mentres, os veciños teñen que aturar coa rúa medio levantada. Fernando Toubes da asociación SOS Milagrosa conta que a concesionaria non chegou a acordo para que o concello lle pagase máis cartos por acometer o saneamento.
"Cada un foi polo seu lado, pero os veciños son os afectados. Agora hai que facer unha nova licitación e empezar de cero coa rúa levantada, os coches que non poden pasar e os comerciantes desesperados".
Non ven o final das obras. "Estamos sufrindo para entrar e saír dos garaxes e das casas. E levamos así sete meses e dende mediados de decembro parados". "Así está, nin para adiante nin para atrás. Isto vai para largo polo que se ve". "Vemos que periga que a obra poida estar rematada antes que acabe o 2026".
Na rescisión do contrato o Concello tivo ademais en conta que en decembro só estaba certificada o 10 por cento da obra cando a esas alturas xa debería roldar o 80.